INFORME FITOSANITARIO 12/07/2021

Datos ofrecidos pola Consellería do Medio Rural.

Informe completo disponible no seguinte enlace: http://fruticultoresgalicia.blogspot.com/p/informes-fitosanitarios-2021.html

 RECOMENDACIÓNS:

 Maceiras de sidra e mesa

 As condicións meteorolóxicas cambiantes, con presencia de humidade relativa alta, xunto com brétemas e orballo, abócanos a unha situación de perigo respecto dos fungos (moteado e oidio), polo que se recomenda un tratamento a base dun funxicida preventivo de contacto (infeccións secundarias) que pode ir unido a un insecticida.

 O feito de ter superado o umbral de tolerancia  do verme da mazá (C. pomonella),  nas zonas das Mariñas Coruñesas, Ortegal e Mariñas Luguesas e Chantada, fai necesaria a aplicación dun tratamento insecticida ovo-larvicida para esta praga que está na primeira xeneración das dúas que ten no ano.

 Para acadar boa actividade insecticida, compre efectuar a aplicación antes do nacemento das larvas, requerindo un coñecemento exacto do estado evolutivo da praga en cada parcela.

Este tratamento tamén terá eficacia contra o pulgón verde (Aphis pomi).

É preciso recalcar, que debemos ter en conta a duración da efectividade do producto usado, segundo actuemos en agricultura convencional, integrada ou ecolóxica, xa que o tempo que debe transcorrer entre tratamentos é distinto. Podendo suceder que un tratamento nunha semana cubra a súa efectividade durante dúas máis.

Así en agricultura convencional e integrada, en xeral, os insecticidas usados teñen una duración da efectividade entre 15/21 días mentres que en agricultura ecolóxica é de 7/10 días (virus da granulopse da carpocapsa). 

Recoméndase alternar materias activas co fin de evitar a aparición de resistencias.

RECOMENDACIÓNS DOS TÉCNICOS DE AFRUGAL

 Agricultura Ecolóxica

Larvicida (verme da mazá): Virus da granulopse da Carpocapsa, Bacillus Thuringiensis ou Spinosad.
Funxicida de contacto: Polisulfuro de calcio.

Produción Integrada
Ovo-larvicida (verme da mazá): Clorantraniliprol.
Funxicida de contacto: Captan.

OUTRAS PRAGAS

Mosca da nogueira (Rhagoletis completa)

As trampas de captura foron colocadas o día 25 de xuño en catro comarcas con presencia relevante de nogueiras das provincias da Coruña e Lugo. Estas trampas ubícanse a dúas alturas distintas, 2 e 4 metros (a máis altura, máis capturas), sempre orientadas ao sur, e consisten nunha banda pegañenta xunto cun difusor de feromonas atraintes.

Trátase dun díptero. Os adultos teñen un tamaño variable de entre 4 e 8 mm. Ten unha única xeneración anual.

Os adultos emerxen do chan dende primeiros de xullo ata fináis de agosto cunha vida útil de 40 días.

Pasa o inverno en forma de pupa enterrada no chan a pouca profundidade. Ás dúas ou tres semanas, as femias xa fertilizadas comenzan a posta de ovos na cáscara da noz.

O desenrolo larvario dura entre 3 e 5 semanas. Despois, a larva cae ao chan ou caen coa froita enterrándose para pupar.

É orixinaria de EEUU e México. De forma accidental, pasou a Europa na década de 1980.

O ano 2020, confírmase a súa presencia en Galicia, segundo o informe emitido polo LAFIGA, tra-las analíticas realizadas no mes de xullo.

A día de hoxe, non se ten capturado ningún exemplar desta mosca da nogueira.

Trataremos de seguir a evolución das súas capturas, así como os seus métodos de loita ata o final do seu ciclo.

GALERÍA DE IMAXES

Trampa cromática con cebo alimenticio

Adulto de Rhagoletis completa